lunes, 12 de diciembre de 2011

*Cadáveres no Armario*

O meu pobo está cheo de cadáveres sen enterrar cuxas pantasmas resucitan os sábados nos que por falta de opcións, se acorda de maneira errónea, salir nel. Son pantasmas que se adhiren ós corpos temperados dos vivos que loitan por seguir camiñando aínda con eles ás costas. Son pantasmas porque os seus corpos seguen latendo no teu armario, porque os seus recordos son moi difíciles de esquecer nun ámbito xeográfico tan reducido. E unha voz ó oído susurra recomendando incrementar a dose de alcohol e tóxicos no teu organismo coa fin de que iso che axude a enterralos. E toda a noite a pasas buscando un sepultureiro que faga por ti o traballo sucio de esconder baixo terra, por fin, a ollada da pantasma que te mira disimuladamente dende a barra. E de súpeto, atópalo. E despregando as pesadas mantas da túa cama dislle que, por favor, o enterre xa. E ti como plañideira enloitada rompes en pranto interno, silencioso e ferinte como aquelas vellas que repetían de memoria as letanías dun cura cando túa avoa, de cativa, te levaba ós enterros nas tardes estivais. E agora o funeral telo ti, aquí, no teu leito e tentas buscar unha ollada cómplice que che diga que efectivamente o enterrador está facendo o seu traballo, pero non a atopas. E miras ó armario. E os cadáveres alí almacenados baten con puños ensangrentados na porta, desexando saír. Buscándote. Á fin, e gracias a un pequeno facho de luz amarela na habitación, atopas a mirada do sepultureiro que saíndo presuroso da cama e abrochando o botón superior do pantalón, comenta: "Eles pertencen aquí. Eres ti a que se debe ir".

No hay comentarios: