miércoles, 31 de agosto de 2011

*Gloucester Road Tube Station*

A choiva era tan forte que dende a entrada da estación de metro onde tentaba refuxiarme semellaba unha cortina compacta, imposible de atravesar. Como podia ser mediados de agosto? Non existía verán na cidade co clima máis impredecible do mundo... Eu miraba ós paraugas que acertadamente o dono de orixe asiática expoñía fóra da tenda sen portas. E coma min todos os demáis que agardaban a que a situación mellorase- ou non empeorase-. Non o puden evitar. A miña estoica decisión de negarme a mercar paraugas algún íase desmoroando como castelo de naipes. E aguantara así tres semanas! Pensaba nos dez minutos de camiño a escola da mañá seguinte. Nas miñas gafas como o parabrisas dun coche sen limpacristais... E no pelo recén secado a conciencia. Un home, elegante, un inglés puro, de pel branca, buscaba un paraugas diante de min. Non semella convencido por ningún e tomábase o seu tempo. Supoño que todos lle resultarían demasiado baratos- ou de evidente fabricación asiática. Decidín, como boa sureuropea, interrumpir a súa busca e alcancei o único negro que quedaba (de entre os máis económicos). Mequeino e deixei aló o prezo do meu almorzo do día seguinte. Cheguei a casa semiseca e pola mañá, ó soar o depertador, corrín as cortinas. Era unha mañá preciosa, estival, sen ningunha nube. E ó saír metín o paraugas no meu bolso.

martes, 30 de agosto de 2011

*Expulsándoa Pola Boca*

Cando camiñaba trabábaselle o pé esquerdo. Sempre. Era doloroso. Non entendía o porqué e culpaba a aquelas botas que lle encantaban de causarlle tal defecto ó camiñar. Comentoullo á súa nai e pronto obtivo a resposta. Só tiña que fixarse na maneira na que camiñaba, díxolle. As súas pernas voltábanse tan ríxidas como as dun atleta en plena competición. Como columnas gregas sostendo un entaboamento marmóreo. Como patas dun cabalo de carreiras a piques de cruzar a meta. Semellaba marcar o asfalto en cada pisada. Era a enerxía que expulsaba, era a elegancia pero era, sobre todo, a seguridade que emanaba, dirixindo a forza cara o chan. Expulsándoa pola boca ó falar...