martes, 24 de mayo de 2011

*Congratulations*

Hai seres que logran vivir mil vidas diferentes nunha sola. Que viven as vidas que outros non desexan ou non poden vivir. E como Dylan, gustaríame ser capaz de coller unha guitarra e arrancar. E ter tan claro como el qué é o que quero facer, e unha vez conseguido, electrificarme. Electrificarme sen importarme nada nin ninguén nin o que digan. Será este calor estival prematuro que enche a miña cabeza de líricas decadentes que me impulsan hoxe a felicitalo. Líricas que falan dun abismo que vou conformando cada día que me levanto. Sexa quizais que me aterra o futuro, ou mellor: o descoñecemento do futuro. Ou sexa quizais que non teño guitarra coa que largarme. E oleadas de sentimentos tan fortes baten no meu corpo agora empuxándome a facer cousas absurdas só para sentir que o presente así é máis válido. Só para sentirme a protagonista en Like a Rolling Stone: patética, pero protagonista. E gustaríame que só isto fose suficiente para poder saber cómo configurar o camiño do abismo consolándome con coñecer que the times they are changing.

lunes, 16 de mayo de 2011

*Coloso*

Oxalá me quedasen forzas para dicirche que só tentas autoconvencerte de que o leito é o único que podemos compartir.
Oxalá me quedasen enerxías para volver explicarche que podes confiar en min.
Oxalá me quedasen ganas de que confiases en min.
Pero está todo moi desgastado xa...
Os meus soldados foron desertando case sen darme conta.
Volver a ese espacio os dous, espidos e afogados en alcol,
doume pena porque mentras me identificaba,
mentras volvía recordar todo o que alí pasamos,
estábame alexando e non podía deixar de pensar que xa non pertencía a alí.
Que me sentía como un apátrida.
Porque non me quedan forzas para loitar, case nin para escribir sobre ti.
Ata que descubrín as túas pequenas notas espalladas,
que non son máis que pinceladas lúcidas
remitidas a un comportamento que remodelar.
Ó acabar de lelas xireime para mirarte,
atopeite deitado solo e espido,
e único que alcancei a ver foi un neno;
ou polo menos a alguén que leva máis peso dentro do que lle correspondería.
Pero un peso que queima, unha carga mala
cuxa autoxestión non é a correcta e fai que se manifeste en comportamentos sen sentido
que expulsan da túa vida a persoas que non o merecen.
Destilabas fraxilidade ó ollarte nese estado semi-inconsciente.
Non sei... e agora todo cobra máis sentido, ata as cousas malas,
e resulta de certa forma tráxico pensar que me reconfortou
pensar en onde quedan xa os tempos dos colosos.